Wednesday 03 de July de 2024

O concello aplicaralles a moratoria ás e aos inquilinos de pisos municipais cunha situación económica vulnerable


 

A veciñanza poderá beneficiarse desta prórroga presentando a solicitude por vía telemática ou a través do correo electrónico rehabilitacionvivenda@coruna.es xunto coa documentación esixida, no prazo dun mes

O concello aplicaralles, como entidade pública de vivenda,
a moratoria da débeda arrendaticia regulada no artigo 4 do Real decreto-lei 11/2020, do 31
de marzo, a aquelas e aqueles inquilinos de pisos de titularidade municipal que se atopan
nunha situación de vulnerabilidade económica a raíz do confinamento polo Covid-19.
Segundo establece a norma, a Concellería de Vivenda concederalles a prórroga no pago ás
persoas que a soliciten no prazo dun mes desde a súa entrada en vigor e que acrediten
ademais a súa situación crítica como consecuencia da emerxencia sanitaria actual.
Así mesmo, amplía o dereito a solicitaren a moratoria a aqueles inquilinos e inquilinas que
conten con contratos de alugueiro anteriores ao 1 de xaneiro de 1995, data da entrada en
vigor da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Para poder ser
beneficiarias/os do dito dereito, deberán encontrarse igualmente na situación de
vulnerabilidade económica definida no seu artigo 5 e acreditalo mediante a documentación
sinalada no artigo 6. Toda esta información está subida no BOE (Boletín Oficial do Estado)
desde a semana pasada.
Dado que os rexistros municipais están pechados en aplicación do protocolo asinado o 15
de marzo canto ao funcionariado e co fin de lle facilitar á cidadanía o procedemento, esta
poderá achegar os documentos esixidos telematicamente ou remitindo un correo electrónico a rehabilitaciónvivenda@coruna.es, con independencia de que posteriormente se lle
requiran os documentos para comprobalos ou emendalos.
O concello é propietario de 410 vivendas, bens de carácter patrimonial que ten alugados ou
cedidos na súa maior parte.